domingo, 20 de marzo de 2011

Dúas figuras e un só home: Pedro Madruga e Colón

O historiador Philippot di que o descubridor de América e o nobre eran a mesma persoa
Cristóbal Colón     e     Pedro Madruga
 
A orixe de Cristobal Colón ven suscitando unha fonda polémica dende hai séculos. Lugares como Génova, Cataluña, Mallorca, Andalucía ou Portugal dispútanse a procedencia do navegante, amparados en lendas, investigacións ou teorías máis ou menos serias. Unha delas, que se remonta ao século XIX, sostén que Cristovo Colón era galego. Concretamente, da localidade pontevedresa de Poio. Esta semana, a posible galeguidade de Colón recibiu un espaldarazo por parte do capitán de Mariña Mercante, historiador e investigador Alfonso Philippot.
O vigués pronunciou na Casa de Galicia en Madrid unha conferencia titulada A identidade de Cristovo Colón, no que afonda en teorías xa coñecidas en moitos casos, pero nunca afirmadas con tanta rotundidade. Ante a mirada do director do centro, José Ramón Ónega, e de máis dun cento de espectadores, Alfonso Philippot afirmou, rotundamente, que “Cristovo Colón e Pedro Madruga son a mesma persoa”.
Para el, o descubridor de América “era o fillo ilexítimo do señor de Soutomaior e a galega Constanza Colón, que foi adoptado unha vez que esta casara con Juan del Rivero, algo común na época”. Perfectamente consciente de que para moitos esta teoría “pode ser considerada unha barbaridade”, Alfonso Philippot defende a súa tese nas páxinas de Xornal de Galicia.

“A TESE MÁIS COMPLETA QUE EXISTE”
O historiador vigués sinala que, “tras moitos anos traballando nesta tese”, está en condicións de afirmar que se trata “da máis completa que existe” sobre as orixes de Cristobal Colón. “A clave da cuestión e a solución do enigma radica en que había que buscalo nas relacións familiares do personaxe con elementos clave da corte, como o Cardenal Mendoza, brazo dereito dos Reis Católicos e primo seu”, dixo.
“Tras adoptar o nome de Pedro Madruga, acaba exiliado en Portugal por medo ás represalias tras as súas accións durante a guerra de sucesión ao trono de Castela, pois el se puxera ao lado de Xoana a Beltranexa, loitando na batalla de Toro de 1476 ao lado dos portugueses, gañandose o título de rebelde, o que naquel tempo podía supoñer a morte”, explica Alfonso Philippot.
A partir de aquí e onde comezan as dúbidas ao respecto da teoría do investigador galego. A versión oficial sinala que Pedro Madruga tomaría rumbo a Alba de Tormes en 1486 para tratar de congraciarse cos monarcas Católicos. Alí, tras reunirse co Duque de Alba, falecería en estranas circunstancias.
Logo, o principal problema da teoría defendida por Alfonso Philippot é que parece bastante difícil que Pedro Madruga descubrira América en 1492. Principalmente, porque xa levaría seis anos morto.

“ESTÁ DESAPARECIDO, NON MORTO”
A presunta morte de Pedro Madruga en 1486 non supón ningún problema para Alfonso Philippot, xa que para el esta teoría “non está recoñecida”. “El está desaparecido, non morto porque, de morrer, a familia tivera pedido recuperar o cadáver para traelo de volta a Galicia, pois ninguén llo ía prohibir”, afirma.
O investigador sostén que o que sucede ese ano é que a vida de Pedro Madruga “interrómpese no mes de abril, que é cando está en Alba de Tormes”. “El está aloxado no mosteiro de San Leonardo, agardando polo famoso Consello de Salamanca, onde se ían discutir os plans da viaxe á India que desembocaría no Descubrimento”, sostén Philippot, que engade que “o propio prior” lle confirmou a presenza do galego. “Despois disto é cando desaparece do mapa e se reincorpora á sociedade como Cristobal Colón”, conclue.

HÉCTOR J. PENA www.xornal.com 20/03/2011